mércores, 18 de febreiro de 2026

 UN COMEDOR DE CINE: Todos ao plató

    O PDI  (Proxecto Documental Integrado)  2025-2026 do noso centro pretende unir a toda a comunidade educativa co fío conductor do cinema traballado dende diferentes enfoques: actores e actrices galegos e internacionais relevantes, premios e galardóns, técnicas e ferramentas, investigación e produción de contidos audiovisuais,desenvolvemento de competencias en alfabetización informacional.

   Tanto dende o comedor escolar, como dende as a aulas queremos explorar os múltiples camiños da creatividade na sétima arte.

   Co proxecto do comedor  queremos contribuír á formación integral do noso alumnado durante o tempo do xantar, creando un ambiente positivo no que os cativos aprendan a alimentarse ben, para converterse en estrelas saudables. Pomos todo o noso empeño en ofertar un  tempo educativo de calidade degustando menús de película.

   Este ano imos ambientar o noso comedor creando  escenarios de cine, para promover unha experiencia divertida e atractiva.

  Queremos deseñar un espazo o que os comensais gocen comendo descansando e relacionándose.

  Comezamos un curso de película nun comedor de cine, no que estaremos educando, incluíndo e convivindo grazas ao noso equipo de colaboradores que chegan cargados de ilusión.

E dispostos a acompañarnos nun percorrido pola historia do cine.


 



  O alumnado será o eixo central do noso traballo, polo que é fundamental contar coas súas opinións, desexos, motivacións e intereses.

 

 

 OBXECTIVOS ESTABLECIDOS:

1. EDUCAR COMENSAIS SORRINTES:

-Atendendo ao benestar emocional do alumnado.

-Intentando que veñan contentos  ao comedor, onde nós esforzaremos en que se sintan cómodos.

-Deseñando un espazo educativo divertido, no que os cativos se sintan aceptados e valorados.

-Reducindo o estrés e aumentando os sorrisos.

 


 

2. DESENVOLVER  HABILIDADES DE COMUNICACIÓN:

"Conectados coa palabra: Vivan as Albino-Parrafadas" 

No comedor escolar dispomos dun tempo privilexiado para aprender a falar de maneira respectuosa , polo que intentaremos fomentar a conversación e a interacción entre os comensais, co persoal de cociña e coas colaboradoras e colaboradores.



luns, 2 de febreiro de 2026

  UN PASO ADIANTE E UNHA MAN ATRÁS

  Consideramos o comedor da nosa escola como un recurso pedagóxico co que queremos fomentar hábitos saudables nun ambiente positivo.

  Os /as nosos colaboradores/as intentan mellorar  a nutrición, a convivencia e a socialización dos cativos.

  Non teñen só unha función de vixilancia, senón que actúan como un referente educativo, capaz de converter o tempo do xantar nunha experiencia de aprendizaxe agradable.

  Temos que destacar os seguintes valores, e actitudes do noso equipo de colaboradores/as:

EMPATÍA E PACIENCIA:

  Sempre están dispostos a entender as necesidades emocionales dos cativos, e a acompañar aos que teñen máis dificultades na hora do xantar.

AUTORREGULACIÓN EMOCIONAL:

  Intentan manter a calma nos intres de ruído, ou de estrés, para ser modelo de comportamento.

ASERTIVIDADE:

  Saben poñer límites de forma respectuosa e firme.

PROMOVEN A AUTONOMÍA:

  Ensínanlles aos cativos a empregar os coitelos, as culleres, os panos....; e a recoller a mesa.

EDUCADORES/AS EN VALORES:

  Dándolle prioridade ao respecto e á valoración positiva da diversidade, á cooperación, e á responsabilidade.

  Isto fai que os colaboradores no noso comedor destaquen pola súa presenza cualitativa, o que posibilita que os cativos desenvolvan con eles un apego seguro.

  Ao longo deste curso puidemos comprobar, en varias ocasións nas que algún educador nos tivo que deixar, o importantes que eran para os cativos debido á boa relación que estableceran con eles.

  Alex, Silvia, Rubén, Ana e Álvaro convertéronse en "profes do comedor" moi queridos e respectados polos nosos pequenos comensais.

  E hoxe falan máis as imaxes cas palabras, xa que nós permiten entender o papel importantísimo que teñen estes voluntarios no noso centro, e os vínculos que son capaces de establecer.

  Carol e María teñen que marchar, pero todo o que sementaron no "Fogar de Saudín", e no corazón dos cativos, non marchará nunca.

 

 



 

  Graciñas a elas, aos compañeiros que tiveron que deixarnos , aos que quedaron, e aos que viñeron. A todos aqueles que día  a día teñen unha  maneira de mirar, entender e acompañar aos nenos que favorece o seu desenvolvemento dentro e fóra do comedor.

  Graciñas por intentar que cada día deran un paso cara adiante, abrindo as mans e os corazóns para guialos na apaixoante aventura de aprender a coidar a saúde a través da alimentación.