mércores, 18 de febreiro de 2026

 UN COMEDOR DE CINE: Todos ao plató

    O PDI  (Proxecto Documental Integrado)  2025-2026 do noso centro pretende unir a toda a comunidade educativa co fío conductor do cinema traballado dende diferentes enfoques: actores e actrices galegos e internacionais relevantes, premios e galardóns, técnicas e ferramentas, investigación e produción de contidos audiovisuais,desenvolvemento de competencias en alfabetización informacional.

   Tanto dende o comedor escolar, como dende as a aulas queremos explorar os múltiples camiños da creatividade na sétima arte.

   Co proxecto do comedor  queremos contribuír á formación integral do noso alumnado durante o tempo do xantar, creando un ambiente positivo no que os cativos aprendan a alimentarse ben, para converterse en estrelas saudables. Pomos todo o noso empeño en ofertar un  tempo educativo de calidade degustando menús de película.

   Este ano imos ambientar o noso comedor creando  escenarios de cine, para promover unha experiencia divertida e atractiva.

  Queremos deseñar un espazo o que os comensais gocen comendo descansando e relacionándose.

  Comezamos un curso de película nun comedor de cine, no que estaremos educando, incluíndo e convivindo grazas ao noso equipo de colaboradores que chegan cargados de ilusión.

E dispostos a acompañarnos nun percorrido pola historia do cine.


 



  O alumnado será o eixo central do noso traballo, polo que é fundamental contar coas súas opinións, desexos, motivacións e intereses.

 

 

 OBXECTIVOS ESTABLECIDOS:

1. EDUCAR COMENSAIS SORRINTES:

-Atendendo ao benestar emocional do alumnado.

-Intentando que veñan contentos  ao comedor, onde nós esforzaremos en que se sintan cómodos.

-Deseñando un espazo educativo divertido, no que os cativos se sintan aceptados e valorados.

-Reducindo o estrés e aumentando os sorrisos.

 


 

2. DESENVOLVER  HABILIDADES DE COMUNICACIÓN:

"Conectados coa palabra: Vivan as Albino-Parrafadas" 

No comedor escolar dispomos dun tempo privilexiado para aprender a falar de maneira respectuosa , polo que intentaremos fomentar a conversación e a interacción entre os comensais, co persoal de cociña e coas colaboradoras e colaboradores.