domingo, 8 de outubro de 2023

                      GRAZAS ALFONSO!

Mañá fará unha semana que tivemos que despedirnos de Alfonso, e algúns aínda non nós fixemos a idea de entrar no comedor do Albino e non atopar o sorriso do noso cociñeiro.


 

Con él vanse moitas horas de traballo, de dedicación, de ilusión, de esforzo e de gañas de facelo cada día aínda mellor.

Moitos cativos foron despedirse del, levándolle debuxos e apertas, e algúns, como Anxo, mostraban o seu enfado porque Alfonso tiña que deixarnos.


 Martín e Martina  quixeron entregarlle os debuxos que fixeran eles, e os seus compañeiros, para agradecerlle o ben que cociñara para nós nestes anos.

A pesar de que era  o último no Albino, Alfonso quixo iniciar o proxecto: "Os sabores do mundo",  e fixo unha riquísima crema de zapallo. Mágoa que non poida estar  para cociñar os exquisitos menús que el, e Alicia decidiran facer para achegarnos á cociña peruana.


 
 
 
 


 

Podemos resumir o paso de Alfonso polo comedor do Albino en dúas imaxes, unha cando chegaba tódolos días moi cedo  cargado de entusiasmo, e outra cando marchaba, cheíño de satisfacción polo ben que lle comeran os cativos.

 

 Nel todo era paixón polo seu traballo e orgullo polo ben que comían os nenos.

Sempre andaba a buscar melloras, intentando que os cativos, e as cativas  gozaran dun mundo de sabor que a el lle fascinaba.

Cando xa non quedaban cativos no comedor saía da cociña para revisar as bandexas, e desta maneira poder comprobar se o menú estivera ao gusto dos "peques ", ou se era preciso introducir cambios. 

 A súa implicación sempre foi impresionante, só comparable a súa inmensa paciencia. Unha, e a outra fixeron que formara un equipo impresionante coas nosas colaboradoras e cos nosos colaboradores do comedor escolar.


 


Graciñas Alfonso por facernos sentir os comensais máis importantes do mundo, graciñas por todo o ben que sementaches no noso centro, graciñas polo doado que foi traballar contigo , e graciñas por coidarnos tal e como o fixeches sempre.


 

       Como dixeron os nenos imos levarte no corazón, e ...oxalá volvas pronto!