GRAZAS ALFONSO!
Mañá fará unha semana que tivemos que despedirnos de Alfonso, e algúns aínda non nós fixemos a idea de entrar no comedor do Albino e non atopar o sorriso do noso cociñeiro.
Con él vanse moitas horas de traballo, de dedicación, de ilusión, de esforzo e de gañas de facelo cada día aínda mellor.
Moitos cativos foron despedirse del, levándolle debuxos e apertas, e algúns, como Anxo, mostraban o seu enfado porque Alfonso tiña que deixarnos.
Martín e Martina quixeron entregarlle os debuxos que fixeran eles, e os seus compañeiros, para agradecerlle o ben que cociñara para nós nestes anos.
A pesar de que era o último no Albino, Alfonso quixo iniciar o proxecto: "Os sabores do mundo", e fixo unha riquísima crema de zapallo. Mágoa que non poida estar para cociñar os exquisitos menús que el, e Alicia decidiran facer para achegarnos á cociña peruana.
Podemos resumir o paso de Alfonso polo comedor do Albino en dúas imaxes, unha cando chegaba tódolos días moi cedo cargado de entusiasmo, e outra cando marchaba, cheíño de satisfacción polo ben que lle comeran os cativos.
Nel todo era paixón polo seu traballo e orgullo polo ben que comían os nenos.
Sempre andaba a buscar melloras, intentando que os cativos, e as cativas gozaran dun mundo de sabor que a el lle fascinaba.
Cando xa non quedaban cativos no comedor saía da cociña para revisar as bandexas, e desta maneira poder comprobar se o menú estivera ao gusto dos "peques ", ou se era preciso introducir cambios.
A súa implicación sempre foi impresionante, só comparable a súa inmensa paciencia. Unha, e a outra fixeron que formara un equipo impresionante coas nosas colaboradoras e cos nosos colaboradores do comedor escolar.
Graciñas Alfonso por facernos sentir os comensais máis importantes do mundo, graciñas por todo o ben que sementaches no noso centro, graciñas polo doado que foi traballar contigo , e graciñas por coidarnos tal e como o fixeches sempre.
Como dixeron os nenos imos levarte no corazón, e ...oxalá volvas pronto!