xoves, 7 de xullo de 2022

 

 FAVORECENDO A AUTONOMÍA

  Se lle  damos todo feito aos cativos  serán incapaces de desenvolverse por si mesmos  cando non esteamos. 

Educalos para ser persoas autónomas é facerlles un agasallo para sempre.

 Como conseguilo? 

Ademais de respectar a súa autonomía persoal desde que son bebés, debemos ir prestando atención ás diferentes necesidades que van xurdindo en cada fase e fomentando a autonomía no día a día. 

Deixalos  comer sós será moi importante. Dende que son capaces de sentarse mantendo as costas rectas, tamén o son de manipular alimentos e levalos  á boca sen a  axuda dun adulto. 

Comer coas mans é un bo primeiro paso para favorecer a súa autonomía e facilita que, máis adiante, sexan capaces de manexar os garfos e as culleres.




 

 Será necesario que teñamos paciencia para que poidan comer ao seu ritmo, sen meterlles présa. 

Hai alimentos e comidas que facilitan o agarre coas mans (como un bocadillo ou unha peza de froita), en tanto outros requiren concentración e práctica.

Debemos evitar as présas excesivas e respectar os diferentes ritmos de cada neno

Os fracasos do neno son mostra do seu nivel de desenvolvemento actual, como evidencia de que necesita máis apoio e estimulación, e tal vez outras estratexias de ensino e relación. 

 


 Normas xerais a ter en conta:

Ser regulares en horarios e tempos, sen chegar á rixidez. 

Respectar os ritmos de maduración infantil. 

Ofertar modelos  adecuados. 

Fomentar a autonomía, e aproveitar situacións da vida cotiá para realizar aprendizaxes. 

 Aplaudir  os éxitos por pequenos que sexan. 

Manter continuidade nas pautas .

 Hábitos de alimentación:

O neno debe aprender que é o momento para comer, para iso debemos crear certas condicións "ideais": 

* Comer sempre á mesma hora e no lugar apropiado para iso (cociña, comedor). 

*  Reducir fontes de distracción (xoguetes, TV) .

 * É moi importante  que o neno coma ao mesmo tempo que o resto da familia, facendo do momento da comida unha situación agradable para todos e proporcionando modelos adecuados para o neno. 

* A alimentación debe ser equilibrada e variada (froita, verdura, legumes, peixe, carne, leite, ovos) .

* Os alimentos deben ser naturais, evitando o consumo excesivo de doces. 

* Incorporar progresivamente novos alimentos e texturas na súa dieta, favorecendo a mastigación. 

* Afacelos a terminar a comida que lle pomos, respectando a cantidade que o neno necesita. 

*  O neno debe beber no vaso (xa non necesita o biberón nin o chupete, fano sentir máis pequeno e son prexudiciais para a súa boca). 

 Debemos favorecer a autonomía na casa afacendo ao neno a: 

* Lavar as mans antes e despois de comer. 

* Lavar os dentes despois de comer. 

* Axudar a pór e quitar a mesa. 

* Utilizar correctamente culler, garfos  e panos.

* Acostumalos  a pedir as cousas por favor, e a dar as grazas.

* Respectar aos demais mentres comen.

 Todo isto debemos facelo de forma constante, porque as rutinas proporcionan  orde, seguridade e confianza.

 É fundamental manter unha actitude comprensiva, tranquila, estimulante e constante. 

A familia debe  intercambiar información coa persoa encargada do comedor  para que todos vaiamos na mesma dirección. 

E como todo non van ser avances e acertos, hai que relativizar os erros dos nenos e valorar o esforzo, xa que o esforzo é un valor fundamental para todas as persoas e para os seus futuros logros.