martes, 5 de xullo de 2022

OS NENOS E A SÚA RELACIÓN COA COMIDA

A alimentación infantil é na súa  maior parte educacional e emocional.

Hai que empezar a traballar este vínculo coa comida desde a casa para que funcione fóra dela.

Para os cativos a comida é unha maneira de vincularse coa contorna.

A boa relación coa comida dálles seguridade, e fainos  sentir autónomos.

 

É moi importante centrarse en como  reacciona o neno á hora de comer , como se comporta na mesa, para ver que pautas lle podemos dar  para enfrontar unha situación que lle pode resultar difícil. 

Non debemos insistir  en que lle teñen que gustar todos os peixes, e todas as verduras , xa que igual que pasa cos adultos iso é unha tarefa imposible.

Debemos de animalos a probar sabores diferentes, e explicarlles porque necesitan comer variado.

COMO PODEMOS PREPARALOS NA FAMILIA  PARA QUE O COMEDOR ESCOLAR SEXA UNHA EXPERIENCIA POSITIVA

O noso obxectivo ante o comedor escolar ten que ser fomentar o  enfrontamento  a situacións difíciles dun xeito divertido e positivo.

Pero para iso é necesario un traballo previo que ten que facerse na casa.

·        Na casa temos que facer polo menos unha comida en familia, sen distraccións.

·        Nesta comida o adulto ten que ser un bo exemplo, tanto do que come, como da maneira na que se desenvolve na mesa. Sentarse ben, comer froita, peixe e verdura; usar panos, pedir as cousas por favor, dar as grazas…son hábitos que o neno debería de aprender na familia.

·        Fomentar a autonomía, de maneira que cando o neno chegue ao comedor escolar sexa capaz de comer sen axuda será fundamental.

·        Ser creativos para que os cativos teñan gañas de probar novos alimentos. Axudar a cociñar e a comprar os alimentos. Axudar a preparar unha sobremesa, levalo á compra e que sexa el quen elixa as verduras, ou servir a comida de forma atractiva no prato son algúns exemplos.

·        Hai nenos que necesitan menos cantidade de alimento, polo que debemos tentar normalizar estas situacións e pór menos cantidade no prato para que eles sintan que puideron comelo, sempre poden repetir.

·        Non teño: non ofrezo. Comprar os mínimos doces e lambetadas.

SELECCIONAR MOI BEN OS REFORZOS POSITIVOS

Non se pode suplir que non probase bocado á hora do comedor con que teña que darlle para merendar chocolate ou algo que lle gusta, para que polo menos coma algo.

·        Darlle moita importancia a cada pequeno éxito dos vosos fillos na comida, e minimizar os fracasos, para que poidan ver a diferenza entre facer as cousas ben e mal coa comida, pero sen dramatizar situacións,  e non converter eses momentos en algo desagradable. 



·         O fundamental é que sintan que lograron pequenos cambios positivos, para que teñan ganas de repetilos e esforzarse por facelo ben: motivación.

·         Os nenos non son bos nin malos porque se alimenten ou non de forma correcta, hai que facer unha distinción entre afecto e conduta alimentaria para que non desenvolvan problemas de ansiedade.

Coidado coas frases:  Es malo porque non comes ; es un neno pequeno porque non  comiches todo no comedor, vas volver á gardería porque non comes... Xa que poden xerarlle medo e inseguridade.

COA COMIDA NON SE NEGOCIA

Nunca se debe negociar coa comida, nin como premio nin como castigo.

Podemos negociar e buscar consecuencias co comportamento do neno no comedor, pero non co feito de que coma mellor ou peor.

DAR ESTRATEXIAS

Os nenos non nacen sabendo. Por iso é necesario que na casa lle faledes aos cativos  de como teñen que comportarse no comedor, pero sempre de forma positiva.

Darlles estratexias para que saiban que poden  facer cando algo non lles gusta é moito máis efectivo que repetirlles continuamente o que non teñen que facer