luns, 18 de xullo de 2022

COMO CONSEGUIR QUE OS NENOS QUEIRAN QUEDAR NO COMEDOR ESCOLAR

  Tanto o persoal que colabora no comedor como as familias a miúdo preguntámonos que podemos facer para que o neno vexa o comedor como un sitio agradable,  no que  vai aprender a alimentarse, e a coidar do seu corpo, á vez que poderá   divertirse cos seus compañeiros.

   Quedar ao comedor escolar é algo que fan moitos nenos de todas as idades, pero poida que tras períodos de vacacións  (como agora tras o verán), ou cando os nenos son pequenos, e acoden por primeira vez, lles resulte máis complicado adaptarse.

  O comedor escolar é unha boa  solución para que os nenos poidan comer unha dieta sa e equilibrada sen a necesidade de ter que cambiar a rutina até a saída do colexio. 

  O problema está cando os nenos son moi pequenos, e aínda non están afeitos, ou cando o neno ou a nena non desexa precisamente volver a unha rutina escolar que xa estaba establecida pero que se rompeu por «culpa» das vacacións.

  A eses problemas podemos sumarlle outros, xa que temos  algúns  nenos que se negan a probar determinados alimentos, en especial froitas e verduras, e  no comedor escolar van ter que  comer de todo. 

  É por iso temos algúns cativos que adoitan enfadarse, ou mesmo chorar antes de vir ao colexio, pensando no que van comer ao mediodía.

  Nestes casos as familias  deben intentar tranquilizalos, e facerlles ver o positivo que ten o feito de   comer na escola.

  Unha das primeiras cousas que podemos facer  é explicarlles aos nenos (en especial se é a primeira vez que veñen  ao comedor)  que van poder estar máis tempo cos seus amigos da escola, e que terán máis tempo para xogar, xa que ao rematar o xantar, poderá pasar un intre no patio  realizando varias actividades con eles.

  É moi  importante que  desde a casa procuremos unha alimentación que, aínda que non ten porque ser o mesmo menú que o do comedor, sexa o máis variada posible. 



  Deste xeito, podemos afacernos a preparar todo tipo de pratos para a cea alternando a carne co peixe e coas legumes, de modo que o neno poida ver que a variedade está tanto dentro como fóra de casa, e non afacelo a que só cee o que lle gusta. 

  Tampouco debemos darlle de comer cando chega á casa o que lle guste, se non quixo comer no comedor.

   Desde pequenos, os nenos teñen que afacerse a almorzar ben ,e xantar dun xeito equilibrado, mentres que a merenda e a cea debe ser máis lixeira. 

  Se lle damos unha gran merenda e unha gran cea, afarase a dicir «non» ao que non lle guste no  comedor escolar sabendo que logo vai  poder comer na casa só o que lle gusta.

  Por suposto, pola noite debemos tentar que vaian probando gradualmente unha pequena cantidade de alimentos, e aumentando gradualmente as doses. 

  Dende a  escola  farémoslle chegar ás familias o menú mensual  cos diferentes pratos, para que saiban que comeron os nenos ao mediodía, e deste xeito poder preparar para a noite o  que non comeron no colexio.

  En calquera caso, é bo explicarlles, de maneira tranquila  e sen transmitir preocupación, que teñen  que alimentarse ben na escola, porque se non o fan  a mente e o corpo non poden recargarse despois das horas dedicadas ao traballo, e poderían atoparse mal. 

  Tamén lle debemos explicar que na escola aprenderán a coidar do seu corpo, e a medrar sans e fortes.

  Por último podemos facer 2 cousas que funcionan  bastante ben para motivar, e animar aos nenos a comer no comedor escolar.

  Por unha banda, e para nenos que van por primeira vez ao comedor é mellor deixalos só algúns días ao comezo para que se vaia afacendo (quizais elixir os días nos que saibamos que o menú lles vai a gustar).

   E doutra banda, e para os nenos que teñen que  quedar todo o curso, podemos marcar os días do menú nos que aparecen os alimentos que lles gustan. Isto tamén é recomendable facelo nas aulas. Deste xeito poderase motivar para que chegue o día no que por fin vai comer eses macarróns que están tan ricos, ou esas patacas fritas, ou a lasaña , ou ese xeado que son algúns dos seus alimentos preferidos; deixando pasar o resto de días sen que apenas os note.


 

Trataríase de seleccionar os días que lle gusta o menú, e falarlles máis deses pratos  ca dos días que hai algo que non lles gusta.