CALDO DE GLORIA
Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, no comedor escolar, degustamos este caldo que se fixo famoso grazas ao seu poema "Miña casiña, meu lar", do libro Follas Novas. Nel Rosalía conta como unha muller chega de Santiago a Padrón, morta de fame e de frío, e na súa casa non atopa nada co que poida porse enxoita e facer a cea.
Esta loitadora logra sobrevivir co pouco que vai atopando nos buracos, e agradece o que é máis miseria ca fartura.
Estamos diante dun fermoso canto á valentía daquelas mulleres que con nada foron quen de ser felices, e de seguir camiñando vencendo a fame o frío e ata o medo.
Logo de traballarmos o poema, ao longo dunha semana nas aulas, quixemos vestir o noso comedor de gala para homenaxear a Rosalía e a todas mulleres que nas voltas do tempo lle plantaron cara á miseria, cantando por fóra e chorando por dentro, mentrés tiraban cara diante co pouco do que facían suficiente para non desesperarse.
Rosalía vainos contando como a protagonista trata de saciar a fame pedíndolle axuda aos veciños, e estes tendo de todo néganse a darlle pan e leña.
No fogar de Saudín nomeamos comendadores do caldo.
Como podedes ver nas imaxes foron moitos os rapaces e as rapazas que se comprometeron a: falar ben do caldo 👌, comer caldo alomenos 2 veces ao mes 😋 e coidar os grelos da horta escolar 👏.
COMENDADORES DO CALDO DE GLORIA |